Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2017

ACTOS DE DECEMBRO - 10º ANIVERSARIO

Neste mes de decembro de 2017, a ARMH de Marín cumpre 10 anos da súa creación como tal, logo do importantísimo e intenso traballo levado a cabo nos anos previos ao 2007 polas persoas impulsoras e promotoras deste proxecto. Deixamos aquí o extenso programa de conferencias, actos e actividades no noso 10ª aniversario na procura de "xustiza, verdade e reparación".  
PERSECUCIÓN CONTRA OS PROTESTANTES  (Carlos Villegas)                  
ACTO DE LEMBRANZA NO POZO DA REVOLTA Este ano contamos coa participación de representantes da Igrexa Evanxélica de Marín, no acto anual de lembranza e recoñecemento ás persoas que pereceron na defensa das liberdades, como Carmen Pesqueira "A Capirota", lavandeira, Antonio Martínez, canteiro, Augusto Alfonso, canteiro, e Cristóbal Peñín, industrial.
Conferencia "PERSECUCIÓN CONTRA OS PROTESTANTES NA GUERRA CIVIL E NO FRANQUISMO" O xornalista marinense Marcos Gago fixo un percorrido histórico pola situación da igrexa evanxélica  nos anos terribles da represión franquista (Casa de Cultura de Seixo; 14-setembro-2017)
PRESENTACIÓN "OS NOMES DO TERROR" Xoán Carlos Garrido, Xosé Álvarez e Carlos F. Velasco nun momento da presentación do libro colectivo "Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron" , o pasado 15 de setembro na Biblioteca Municipal Vidal Pazos

ACTOS DE SETEMBRO

EN HOMENAXE ÁS PERSOAS QUE LOITARON POLA DEMOCRACIA E A LIBERDADE Durante a semana vindeira, haberá varios actos dentro da programación anual da nosa asociación. Aquí tendes os cartaces onde podedes ver cando e onde terá lugar cada un. Agardamos contar coa vosa presenza.                                          

Restituir o monumento de Castro de Val

HOMENAXE NACIONAL EN SAN SIMÓN ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

O acto do pasado 16 de xullo, estivo dedicado a lembrar os campos de concentración que o franquismo habilitou na Galiza, empezando pola propia illa de San Simón, na que estiveron retidas máis de seis mil persoas entre os anos 1939 e 1943. A escritora Susana Sánchez Aríns tivo unha emocionante intervención na que, a través do relato da historia familiar, apelou á implicación da xeración das netas do 36 na procura do verdadeiro relato do que pasou; ela mesma narra no seu último libro, Seique , a implicación do irmán da súa avoa na represión fascista. Enriqueta Otero, da asociación da memoria de Marín, aportou datos sobre o campo de Ferrol facilitados pola asociación de familiares de marinos vítimas da base naval desa cidade.

" REXAS, MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA "

Hoxe asistimos á inauguración da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista,  no Concello de Silleda ; unha mostra promovida pola Diputación de Pontevedra e coordinada por Montse Fajardo, que recolle a historia de 172 pontevedresas perseguidas, asasinadas, agredidas...e que chegará a Marín o vindeiro mes de setembro.

EXPOSICIÓN DO GRIS AO VIOLETA

Ata o vindeiro día 19 poderase visitar no Museo Manuel Torres a exposición Do Gris ao Violeta, do Concello de Pontevedra; a mostra trata de manter viva a memoria das mulleres represaliadas durante a Ditadura Franquista polo seu activismo político e social.  Quedan aquí algunhas fotos do acto inaugural do pasado xoves, no que Montse Fajardo, autora de Matriarcas e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que pasou , ofreceu unha conferencia sobre a represión ás mulleres tras o golpe de estado; na mesa estivo acompañada por Ana Acuña, como representante da Asociación da Memoria de Marín, e por Luís Bará, autor do libro Non des a esquecemento .

Participación en acto da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía

O pasado domingo 2 de xullo, por convite da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, a presidenta da asociación interveu no acto en lembranza da vítimas de Loenzo, na parroquia de Rubiáns. Colocouse unha placa conmemorativa frente á casa de Pilar Fernández Seijas "A montañesa", "muller valente, decidida, rebelde, militante de solidariedade, que deu refuxio a tres persoas perseguidas" , como a calificou a profesora e investigadora Aurora Marco. En febreiro do 37 foi asasinada xunto a Antonio Sayanes, Rodrigo de Alexandre, delegado da CNT e Manolo Lema.
PRESENTACIÓN DO LIBRO AMADA GARCÍA E OS SEUS ARREDORES DO HISTORIADOR BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ PUBLICADO POR EDICIÓNS EMBORA MÉRCORES 24 DE MAIO ÁS 19.00 H. NO PATIO INTERIOR DO VELLO CÁRCERE DE LUGO Amada García, encarcerada durante o seu embarazo e fusilada na prisión militar de Ferrol en 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo acabado de nacer, é unha figura simbólica da resistencia antifascista das mulleres galegas, que neste libro se presenta dunha maneira histórica, fidedigna, contextualizada e real que, non obstante, supera á ficción. Bernardo Máiz Vázquez ten unha ampla obra historiográfica sobre a represión franquista, na que se contan libros como  Galicia na II República e baixo o franquismo, Memoria-catálogo das publicaciones galegas antifranquistas, Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consello de Guerra: Ferrol 1934-1955  ou  Castelo de San Felipe: cárcere e morte .
Para pechar este Abril da Memoria en Marín, Luís Bará Torres presentou o seu libro "Non des a esquecemento", na Biblioteca Municipal.  Con él estiveron a tamén escritora Montse Fajardo e Enriqueta Molas, presidenta de ARMHM. Tivemos, ademáis, o privilexio de escoitar as testemuñas de vida de familiares de Elsa Omil e Eugenio Calviño, veciña e veciño de Marín que sufriron as crueis consecuencias da barbarie franquista. A música estivo nas sensibles mans do dúo Fírveda O mércores 12 asistimos á conferencia "Miguel Hernández Poeta-Pastor-Soldado", a cargo do profesor Santiago Losada Carregal, acompañado dos versos do autor valenciano nun sentido recital nas voces de Charo Miloro, Moshelem, Antía Rey, José A. Giráldez, Víctor e Luis Portas. A música puxérona as violinistas Tati e Lía.        

ANIVERSARIO DA PROCLAMACIÓN DA II REPÚBLICA

Aquí vos deixamos unhas fotos do acto do pasado sábado, para conmemorar o aniversario da proclamación da II República. Tras as primeiras notas musicais a cargo da Banda Os Amigos da República, a presidenta, Enriqueta Molas, deu lectura ao manifesto da asociación para este día. Raquel González Caamaño, interveu en nome das persoas que traballan pola recuperación da memoria histórica en Valga, convidadas a participar neste acto; agradeceu o convite de irmandade  e lembrou a Ramón Magariños Duro, xastre valgués que foi directivo da agrupación socialista de Marín e sufríu represión e cárcere logo do golpe do 36. Grazas, unha vez máis, a Carlos Velasco pola súa experta e sentida colaboración. Ademáis da tradicional ofrenda floral ante a Pedra da Liberdade, as actuacións musicais de Andrés, Antonio e Pesqueira; de Carmen Gallego e Moshelem; puxeron o broche emotivo antes de facer a tamén tradicional  foto de familia .