Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xullo, 2017

Restituir o monumento de Castro de Val

HOMENAXE NACIONAL EN SAN SIMÓN ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

O acto do pasado 16 de xullo, estivo dedicado a lembrar os campos de concentración que o franquismo habilitou na Galiza, empezando pola propia illa de San Simón, na que estiveron retidas máis de seis mil persoas entre os anos 1939 e 1943. A escritora Susana Sánchez Aríns tivo unha emocionante intervención na que, a través do relato da historia familiar, apelou á implicación da xeración das netas do 36 na procura do verdadeiro relato do que pasou; ela mesma narra no seu último libro, Seique , a implicación do irmán da súa avoa na represión fascista. Enriqueta Otero, da asociación da memoria de Marín, aportou datos sobre o campo de Ferrol facilitados pola asociación de familiares de marinos vítimas da base naval desa cidade.

" REXAS, MULLERES BAIXO O TERROR FRANQUISTA "

Hoxe asistimos á inauguración da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista,  no Concello de Silleda ; unha mostra promovida pola Diputación de Pontevedra e coordinada por Montse Fajardo, que recolle a historia de 172 pontevedresas perseguidas, asasinadas, agredidas...e que chegará a Marín o vindeiro mes de setembro.

EXPOSICIÓN DO GRIS AO VIOLETA

Ata o vindeiro día 19 poderase visitar no Museo Manuel Torres a exposición Do Gris ao Violeta, do Concello de Pontevedra; a mostra trata de manter viva a memoria das mulleres represaliadas durante a Ditadura Franquista polo seu activismo político e social.  Quedan aquí algunhas fotos do acto inaugural do pasado xoves, no que Montse Fajardo, autora de Matriarcas e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que pasou , ofreceu unha conferencia sobre a represión ás mulleres tras o golpe de estado; na mesa estivo acompañada por Ana Acuña, como representante da Asociación da Memoria de Marín, e por Luís Bará, autor do libro Non des a esquecemento .

Participación en acto da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía

O pasado domingo 2 de xullo, por convite da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, a presidenta da asociación interveu no acto en lembranza da vítimas de Loenzo, na parroquia de Rubiáns. Colocouse unha placa conmemorativa frente á casa de Pilar Fernández Seijas "A montañesa", "muller valente, decidida, rebelde, militante de solidariedade, que deu refuxio a tres persoas perseguidas" , como a calificou a profesora e investigadora Aurora Marco. En febreiro do 37 foi asasinada xunto a Antonio Sayanes, Rodrigo de Alexandre, delegado da CNT e Manolo Lema.