O pasado domingo 2 de xullo, por convite da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía, a presidenta da asociación interveu no acto en lembranza da vítimas de Loenzo, na parroquia de Rubiáns. Colocouse unha placa conmemorativa frente á casa de Pilar Fernández Seijas "A montañesa", "muller valente, decidida, rebelde, militante de solidariedade, que deu refuxio a tres persoas perseguidas", como a calificou a profesora e investigadora Aurora Marco. En febreiro do 37 foi asasinada xunto a Antonio Sayanes, Rodrigo de Alexandre, delegado da CNT e Manolo Lema.
Intervención de Montse Fajardo o pasado 18 de agosto na homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, na praza que leva o seu nome en Marín. "Non sei se sabedes que o noso dicionario no recolle ningunha entrada coa palabra Capirota e no de linguas próximas só se recolle unha acepción similar en masculino, Capirote, prenda semellante á nosa capucha. O mesmo pasa coa historia das mulleres: ou non existe ou aparece diluída no relato dos homes. O agocho é aínda maior no caso das que foron vítimas do franquismo: Ou non se fala delas, ou apenas son nomeadas no contar do padecemento deles ou aparecen cinguidas co capirote de tolas. E tontas de capirote somos tamén para moitos nós, quen non nos conformamos co relato imposto. Por iso convertemos á Capirota en símbolo, non só representa a Carme Pesqueira, tamén a cada unha das mulleres que, coma ela, se negaron a mirar cara a outro lado cando campou o fascismo. Como se fosen aguias que a cetrería cega con capucha para poder domar.
Comentarios
Publicar un comentario