Saltar ao contido principal

21 de xullo de 2019 | Homenaxe anual do movemento memoralístico galego na Illa de San Simón, Illa da Memoria



Como cada ano, a Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín participou nos actos de lembranza que teñen lugar na Illa de San Simón, cada mes de xullo.















 “O que non se xulga e se condena non pode ser perdoado, non se pode amnistiar un delito que non foi cometido (…)No referente aos crimes franquistas, cando falamos de amnistía, en realidade do que estamos a falar é de impunidade”.  A denuncia realizouna a escritora Ana Cabaleiro no encontro nacional que os colectivos pola memoria celebraron o pasado 21 de xullo en San Simón, no só para render homenaxe ás vítimas e ás súas familias senón tamén para reivindicar o fin desa impunidade que, lembrou Cabaleiro, “ lonxe de ser derogada e revertida desde os poderes institucionais correspondentes, de tanto manterse no tempo chegou a propiciar, nos últimos anos, o envalentonamento dos reaccionarios e herdeiros da ditadura, que pugnan por seguir impoñendo e lexitimando o seu ideario de represión e espolio”.

No ano en que se cumpren oitenta do fin da guerra civil en España e dez desde que “a sociedade civil” a través da Iniciativa Galega pola Memoria, tomou as rendas da organización da homenaxe ante a desidia da administración autonómica, Cabaleiro esixiu tamén no nome de todos os colectivos que a conforman  “a regulación da apoloxía do franquismo como delito e a prohibición de toda exaltación do mesmo”.

Lembrou na súa intervención como condutora do acto central celebrado ás doce do mediodía, que neses oitenta anos “ escribiuse coa tinta dunha ditadura, coa tinta dunha transición á democracia falsamente cualificada como ‘pacífica e modélica’, e coa tinta dunha Lei de Amnistía, ignominiosa e insultante, que baixo o cínico argumento de non reabrir feridas derivou nunha impunidade efectiva de todos os crimes cometidos desde o golpe de Estado de 1936 ata a promulgación desta lei en 1977. A historia destes 80 anos foi escrita, polo tanto, coa tinta do silenciamento, do ocultamento e, mesmo, da negación do terror que asolagou este país”.
Derogar esa lei para acabar coa impunidade foi o clamor da xornada, protagonizada polas propias vítimas. 

Chato Galante, torturado por Antonio González Pacheco, Billy el Niño e un dos asinantes da querela arxentina, desprazouse desde Madrid para reivindicar na illa o dereito á xustiza universal e para lembrar que Galiza foi unha zona “especialmente castigada” polo que “ademais dos acenos de recoñecemento precisa de accións que garantan os principios de verdade, xustiza e reparación para todas as persoas que sufriron crimes de lesa humanidade, que nunca poden prescribir”. 



Galante foi precedido na palabra por Celso López, membro da Asamblea Republicana de Vigo, que tras lembrar a recente adhesión do movemento galego á coordinadora de apoio á querela (CeAqua) reclamou que o estado aplique os tratados internacionais subscritos no ámbito xudicial que recollen a non prescrición dos delitos de lesa humanidade e polo tanto a imposibilidade de amnistialos.




Pola súa parte, o investigador Moncho Ermida lembrou que “tamén na Galiza temos moitos Billy el Niño” e instou ao movemento memorialístico a “poñer riba da mesa” os nomes das persoas que participaron en torturas, sobre todo nos últimos anos da ditadura e na transición. 
El mesmo recitou algúns mentres que Elvira Cienfuegos,  compoñente da asociación cultural O Galo de Compostela, deu lectura a un texto emotivo e arrepiante, no que un ex traballador de Citröen torturado naquel tempo daba consellos precisos aos seus camaradas sobre como resistir aos golpes. Un histórico texto que foi traducido ao euskera e utilizado por agrupacións antifranquistas de todo o territorio español.




O acto, que contou coa actuación musical de Lucía César Veloso, serviu como homenaxe ao promotor da querela, Darío Rivas, e á guerrilleira antifranquista Chelo Rodríguez, finados este ano. Tamén para amosar o respaldo ao investigador Carlos Babío, denunciado polos Franco, que, finalmente non puido desprazarse á illa, tal como estaba previsto.



(Texto e vídeos:Iniciativa Galega pola Memoria)
Xullo/2019 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.