Saltar ao contido principal

CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

Intervención de Asun Bernández Rodal
no acto de lembranza do pasado 18 de agosto.

"A memoria de Carme Pesqueira Domínguez, unha muller traballadora asasinada un día coma hoxe no ano 1936, segue viva. Era nova e estaba resolta a non calar a boca fronte ás inxustizas, e por iso foi tiroteada polos fascistas un 18 de agosto, xusto ao mes do levantamento militar franquista.

En Galiza a represión foi rápida e cruenta, e empezou aos poucos días do levantamento. Aquí non houbo fronte militar, pero os mortos estiveron en todas partes. Os falanxistas, apoiados polos poderes políticos e parte da sociedade civil, tiveron as mans libres para actuar de forma sanguenta e impune.

Hoxe seguimos recordando ás asasinadas, aos asasinados que foron a cara máis fera e doente do terror imposto por un réxime que ía manexar a violencia física, institucional e ideolóxica coma o seu principal instrumento de poder.

Foron as execucións, pero tamén as desaparicións, as detencións, as malleiras, as condenas a cadea perpetua, os xuízos sumarísimos, a aplicación da lei de fugas que lles permitía matar a quen quixesen, as multas imposibles de pagar, os bens confiscados, as mulleres rapadas, agredidas, as familias amedrentadas. Foi a incerteza de non saber de que delito te acusan, foron os campos de concentración, os cárceres e ata os manicomios. Foi a indefensión xurídica, a económica e o castigo da fame para os máis pobres.

Nada disto tivo que ver, como se quixo facer crer durante os anos de franquismo, con actos de guerra, senón que respondía a un plan deseñado para acabar coa disidencia e provoca-lo terror.

Carme Pesqueira, A Capirota, foi unha muller das moitas que foron asasinadas en todo o territorio español, unha máis das aldraxadas ou por ser elas as “rojas” ou por seren as mulleres ou as fillas dos “rojos”. Aquí non houbo fronte militar, pero para elas o propio corpo foi a fronte de batalla, o territorio que esnaquizar para servir de exemplo. 

Eu contei nun libro, Lola, filla de Cangas, o testemuño indirecto do que pasou nas últimas horas de vida da Capirota, contado pola filla de Lola Blanco, que daquela tiña quince anos, de acordo co relato que a súa nai lle fixera.

A noite do 18 de xullo do 36, Carme Pesqueira (de Marín) e Dolores Blanco (de Cangas) coincidiron durante unhas poucas horas nun coche no que foron detelas para levalas a matar. ¿Que tiñan en común? Ser mulleres da clase traballadora, persoas sobre as que aplicar unha violencia sexuada en función do xénero. ¿Que as diferenciaba? Lola era unha muller de máis de corenta anos, mentres que Carme ten só 29. Lola está comprometida politicamente, mentres que Carme non, e Lola está casada con varios fillos, mentres que Carme é nai solteira, con todo o que supoñía daquela esa circunstancia.

Lola Rodal conta de segunda man o que a súa nai viviu. ¿E que nos conta? Que aquela noite estaban durmindo a nai e as fillas na casa. O pai estaba preso, e o irmán no mar. Ás dúas e media da madrugada petaron na porta. Dolores abriu e os gardas civís dixéronlle que tiña que ir con eles declarar. Non a deixaron nin sequera vestirse decentemente, e só puido meter nos pés unhas zapatillas e unha bata por riba dela. Fixérona subir a un coche no que viña Carme Pesqueira na parte de atrás.  Dolores chora cando pasa polo sitio no que teñen detido o seu home. Carme, consólaa, e dille quen é. Empezan a falar. 

-    ¿Que che fixeron? Preguntoulle Dolores.

 Non me fixeron nada, pero ameazáronme moito, respondeu Carmen.

Dolores contoulle á filla que, durante a viaxe, aqueles homes estaban a burlarse delas. Lola di: “Ela tiña corenta e pico de anos, e dicíanlle cada porquería!... mil detalles”.

“Mil detalles” é como resume Lola Rodal os insultos que recibiron tanto Lola coma Carme aquela noite mentres ían detidas. “Mil detalles” que non se contan, mil palabras que non se din, un silencio significativo porque resume moi ben a vergonza das mulleres cando son insultadas polo feito de selo. É unha forma de violencia específica, porque se infrinxe só ás mulleres. Eses mil detalles dos que nunca se falou, fan o mapa da represión de xénero á que as mulleres foron sometidas. Unha memoria dobremente esquecida.

Nun momento dado, fanas saír do coche, unha a un lado, outra a outro. Dolores escoita primeiro un tiro, despois recibe un balazo nun brazo e perde o coñecemento. Esperta ferida, está soa, nin os gardas civís nin Carme están alí. Despois de vagar polo monte, regresa a Cangas camiñando.

 Nestes feitos cumpríronse os tres obxectivos da violencia específica contra as mulleres:

1.- Castigar aquelas que saíron das normas da feminidade, transgredindo modelos e roles. Dolores Rodal por ser sindicalista, por estar comprometida politicamente, e Carme Pesqueira por protestar cando mira una inxustiza, e non respectar a autoridade imposta.

2.- Con estes crimes queren atemorizar a poboación, desmoralizar a xente sementando o terror.

3.- E, moi importante: estes asasinatos falan do futuro que lles espera ás mulleres, sentan as bases para un novo réxime social e moral.

Despois da guerra, o réxime franquista actuou rápido en contra dos dereitos conseguidos polas mulleres durante o período republicano. No ano 38, prohibiron o traballo nocturno, no ano 39 (1º de maio), prohibiron a coeducación nas escolas de primaria, no ano 41 prohibiron a divulgación de todo o que tivese que ver co aborto, no ano 42 volveu ser punible o adulterio, no 44 o parricidio por honor volveu estar vixente, e no ano 44 recóllense todas estas leis regresivas na reforma de Código Penal. Impúxose así de forma brutal o silencio e a desmemoria. Quixeron facer como se as mulleres non tivesen nunca ningún dereito.

Despois chegou a Transición, pero ninguén pagou polo que fixeron. Fixeron unha Lei de amnistía (1977) que serviu para que os do réxime franquista continuasen impunes. Pero había moita xente que non estaba disposta a esquecer, e os familiares das vítimas quixeron buscar os seus. No ano 2000 fundouse a Asociación para a Recuperación da Memoria e a partir do 2006 comezaron a exhumarse algunhas das fosas. Os testemuños orais foron os máis importantes para recuperar os feitos pasados. A memoria da represión non comezou a facerse polos historiadores, senón polas vítimas. Sobre todo, no caso das mulleres, foron elas mesmas as que empezaron a falar, en moitos casos dende o exilio: Carlota O’Neil, Mercedes Nuñez, Juana Doña, Soledad Real.

A xente que estamos aquí nin podemos nin queremos esquecer, porque a realidade do fascismo é que nestes tempos está gañando posición no mundo enteiro.

Neste país queda moito por facer. Vivimos tempos conservadores nos que se quere impoñer de novo un réxime de desmemoria: por exemplo, non hai moito, o 9 de agosto apareceu vandalizado un panteón de 300 represaliados en Cuenca, e os ataques aos lugares da memoria histórica son constantes. 

Pero debemos ter esperanza e contarlles ás nosas fillas, aos nosos fillos o que pasou. Afortunadamente, hoxe podemos traballar por recuperar estas memorias, e contamos con apoio institucional. O goberno do estado español acaba de dar á Xunta 104 mil euros para a busca, identificación e dignificación de desaparecidos en Vilacova, A Capela e Celanova. É pouco, porque aínda quedan moitas persoas e moitas historias que contar. 

Grazas a todas, a todos os que traballades por gardar estas experiencias tráxicas que nos falan de algo que non debe volver pasar. Grazas Queta, grazas Ana Trabazo e tanta outra xente que a través das asociacións mantedes viva esta loita pola democracia e a igualdade."


Tres momentos do acto do pasado 18 de agosto, organizado pola ARMH de Marín en lembranza e homenaxe a Carmen Pesqueira.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

LEMBRANZA E HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ "A CAPIROTA"

Intervención de Montse Fajardo o pasado 18 de agosto na homenaxe a Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, na praza que leva o seu nome en Marín. "Non sei se sabedes que o noso dicionario no recolle ningunha entrada coa palabra Capirota e no de linguas próximas só se recolle unha acepción similar en masculino, Capirote, prenda semellante á nosa capucha. O mesmo pasa coa historia das mulleres: ou non existe ou aparece diluída no relato dos homes. O agocho é aínda maior no caso das que foron vítimas do franquismo: Ou non se fala delas, ou apenas son nomeadas no contar do padecemento deles ou aparecen cinguidas co capirote de tolas. E tontas de capirote somos tamén para moitos nós, quen non nos conformamos co relato imposto. Por iso convertemos á Capirota en símbolo, non só representa a Carme Pesqueira, tamén a cada unha das mulleres que, coma ela, se negaron a mirar cara a outro lado cando campou o fascismo. Como se fosen aguias que a cetrería cega con capucha para poder domar.

POZO DA REVOLTA - SETEMBRO 2023

  Durante moito tempo as vítimas foron o centro de atención nos estudos sobre a represión franquista, era xusto e necesario que ocupasen o lugar principal na recuperación da memoria e dar a coñecer as súas historias de vida a toda a poboación. Pero no relato histórico hai unha ausencia, un silencio que chama a atención e que é o do nome dos asasinos. Porque non hai vítimas sen verdugos e as persoas que perderon a vida non o fixeron por morte natural ou, como se di ás veces, nunha guerra civil que aquí non tivo fronte de batalla. Detrás de cada “hemorraxia interna”, de cada “síncope cardiaco”, que constan no rexistro, houbo as balas dunha pistola ou dun fusil, unhas persoas que apertaron o gatillo, outras que decidiron a quen había que eliminar, uns tribunais visibles que asinaron as sentencias ou uns tribunais secretos que decidiron a quen pasear. Houbo tamén unha parte da poboación que delatou, que colaborou ou que mirou para outro lado. Distintos graos de responsabilidade a fin de co

31 DE DECEMBRO - ACTO DE LEMBRANZA NO PASEO ALCALDE ANTONIO BLANCO

Deixamos aquí imaxes e algún vídeo das intervencións no acto celebrado o pasado 31 de decembro no Paseo Alcalde Antonio Blanco. FORON CINCUENTA ANOS DE AMOR, PERO EN SILENCIO.  NUNCA VOS ESQUECEREMOS Esta frase é do 12 de novembro de 1986, cando se cumprían cincuenta anos do golpe de estado xenocida que sementou o terror. A frase encabezaba unha nota necrolóxica que a familia de Luis Poza e Jose Adrio publicaran en prensa no aniversario dos seus fusilamentos. Aquela  noite en Pontevedra foran asasinadas dez persoas. Todos tiñan en común ter sido incluídas no grupo que os golpistas consideraban necesario exterminar. Os que chamaron “rojos”. Lonxe do bolchevismo e o judeomasónico, o que tiñan en común, o que facía preciso que estes foran exterminados era a defensa da fraternidade, da liberdade, da igualdade. Da democracia. Os sublevados, os golpistas, querían que o réxime instaurado perdurase, e para iso a aniquilación deles era precisa.  Tamén dos seis  veciños de Marín que, pouco máis