O vindeiro martes, 28 de xullo, ás 20:00 h. no Museo Manuel Torres, terá lugar a
presentación do ensaio María Vázquez, a mestra socialista eliminada
polo franquismo, de Aurora Marco.
Contaremos coa intervención da autora, acompañada por Mabel Santiago, da ARMH
de Marín, e Rogelio Pérez, da Fundación Luís Tilve.
"Resoaron na noite os
disparos que acabaron coa vida dunha mestra vocacional, dunha renovadora
pedagóxica, dunha muller progresista, militante socialista, afervoada defensora
dos dereitos femininos". Desta maneira é como a autora nos achega á vida e
ao compromiso social de María Vázquez, que a levou a involucrarse con
frecuencia en accións humanitarias.
María Vázquez
Suárez (Santiago, 1894 -
Pontedeume, 1936) foi unha mestra vocacional e renovadora pedagóxica, moi
activa no socialismo e no sindicalismo, comprometida coa escola laica e cos
dereitos femininos. Foi detida e asasinada por disparos en Miño, en agosto de
1936 cando tiña tan só 42 anos, sen pasar por un proceso xudicial. Os informes
franquistas cualificárona de “irascible y roja” e o seu expediente de
depuración iniciado anos despois do seu fusilamento, reflexa o odio cara ela,
chegando a dicir que as súas alumnas levaban “el estigma rojo que únicamente
desaparecerá con la muerte”.
Foi a primeira muller en
falar publicamente nun mitin en Miño e en ocupar cargos orgánicos no PSOE e
na UXT. Así, formou a unha xeración de alumnas para "que fosen
mulleres independentes, que non dependesen de ninguén e que actuasen por si
propias", lembráronlle a Marco as fillas daquelas alumnas.
Aurora Marco é unha destacada investigadora e catedrática da Universidade
de Santiago de Compostela. Ao longo de máis de 35 anos de investigación, dedicou
a súa carreira a dar voz a persoas cuxas vidas quedaron fóra da memoria
colectiva. É autora de numerosos libros e artigos, editora de varios volumes e
colaboradora de obras colectivas. Nos últimos 30 anos especializouse na
recuperación da traxectoria das mulleres galegas e, de maneira especial, das
represalidas. A súa obra ensaística levouna a gañar os premios Tomás Barros,
Luís Tilve, Mulleres en Acción e Galiza Mártir, entre outros.

Comentarios
Publicar un comentario