Saltar ao contido principal

19 de xullo de 2020 | Homenaxe anual do movemento memoralístico galego na Illa de San Simón, Illa da Memoria

 




A IGM rexeita en San Simón a permisividade co novo fascismo e lembra que a ultradereita non é unha ideoloxía senón a desaparición do pluralismo político

“Toda alternativa política é lexítima dentro do respecto aos Dereitos Humanos e á defensa da igualdade de todas as persoas, titulares deses dereitos sen ningún tipo de exclusión. Dentro dese marco todo é discutíbel, fóra del só queda o fascismo fronte ao que ninguén debe facer concesións”, dicía o manifesto lido no acto da illa

En nome da IGM, Queta Molas e Telmo Comesaña tiveron unhas palabras de lembranza para Antonio Nores, Pepe Francés, Chato Galante, Elvira Varela Bao, Margarita Caballero, Argimira Sánchez Valado e Mariquiña Villaverde, que ata o seu pasamento mantiveron acesa a chama da memoria das vítimas do golpe

Redondela, 19 de xullo de 2020. Na voz do seu voceiro, Matías da Torre, a Iniciativa Galega pola Memoria rexeitou onte en San Simón “a normalización das forzas fascistas na nosa sociedade” e a “compracencia” coa que, ao seu entender, están sendo tratadas e pediu “a ilegalización deste tipo de organizacións”.

Nun acto marcado pola crise sanitaria, que obrigou a limitar a presenza na illa a unha trintena de persoas en representación do medio cento de colectivos memorialísticos que a compoñen, a IGM denunciou que “as leis vixentes contra o racismo, o machismo, a homofobia e outras formas de discriminación, son burladas constantemente por estes grupos fascistas baixo a escusa da liberdade de expresión e doutros dereitos que, precisamente, eles pretenden conculcar”. E, nese senso, alertan de que a ultradereita “perverte a linguaxe coa fin de furtar o debate e o contraste pacífico de pareceres ao baleirar os termos de contido para presentar aos opresores como oprimidos e así xustificar os seus ataques contra os máis débiles: as minorías, os excluídos, que son presentados como unha ameaza que debe ser erradicada”. En resumo, amósanse “como vítimas do autoritarismo da retórica do politicamente correcto para defender un totalitarismo auténtico e efectivo”.

Nun lugar tan simbólico para denunciar as consecuencias do fascismo como é o antigo lazareto de San Simón, a IGM amosou a súa preocupación polos “rebrotes que están a ter estas ideas” e pola “súa entrada nas institucións e diferentes gobernos do Estado”, que entenden non é casual senón froito da súa equiparación co resto de forzas políticas democráticas, “en función de intereses que van desde quen os apoia directamente ata quen irresponsabelmente os amosa para meter medo ou dividir o voto dos adversarios co fin de obter réditos electorais inmediatos. Porén-insisten- o fascismo non é unha ideoloxía máis senón que representa a eliminación de calquera outra ideoloxía e a supresión do pluralismo político: Non teñen outra proposta que a lei do máis forte e por iso a súa estratexia de crispación busca a confrontación para provocar un clima de violencia que lexitime, precisamente, o uso da forza”.

“Todas as alternativas políticas son lexítimas dentro do respecto aos Dereitos Humanos e á defensa da igualdade de todos os homes e mulleres que os fai titulares de tales dereitos sen ningún tipo de exclusión. Dentro dese marco todo é discutíbel, fóra del só queda o fascismo fronte ao cal ninguén debe facer concesión. Todo o espectro ideolóxico debe comprometerse no seu combate”, recollía o manifesto que concluíu parabenizando a Galiza por deixar VOX fóra de calquera institución e comprometendo o traballo da IGM na loita contra o fascismo a través “do coñecemento profundo do que este tipo de ideario supón”.

En memoria da loita pola memoria

A lectura do manifesto puxo fin ao acto anual, que este ano ademais de lembrar as vítimas do fascismo, quixo ter unha lembranza especial para “a memoria da memoria”, en concreto cara a persoas vinculadas co movemento memorialístico galego que faleceron nos últimos meses: Eran Chato Galante, membro de La Comuna, as coruñesas Elvira Varela Bao e Mariquiña Villaverde, da CRMH, Pepe Francés e Antonio Nores, da ARMH 28 de agosto de Cangas,  Argimira Sánchez Valado, Cachita, fundadora de Senhor Afranio, e Margarita Caballero Calleja da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.  O presidente desta entidade, Telmo Comesaña e a presidenta da ARMH de Marín, Queta Molas, tomaron a palabra no seu recordo en representación de todos os colectivos que compoñen a plataforma galega. O acto contou tamén coa intervención de Celso López Pazos, de CeAqua, Rosa García Alcón, vicepresidenta da Comuna, Xosé Antonio Chillón, da ARMH 28 de agosto e a viúva de Pepe Francés, Teresa Carbajo.

Como cada ano, o acompañamento musical correu a cargo dos Gaiteiros da Memoria que interpretaron o Himno de Riego, o Himno do Antigo Reino de Galiza e, tras a ofrenda floral ás vítimas ante a peza colocada no Ano da Memoria na illa pequena, a de San Antón, o Himno Galego, que serviu de peche.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.