Saltar ao contido principal

EN LEMBRANZA DE CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ

 

Neste 18 de agosto cúmprese o 85 aniversario do fusilamento de Carmen Pesqueira Domínguez.

Carmen nace na Mouta o 1 de xuño de 1907 no seo dunha familia numerosa de catro mulleres chave na súa vida de loita para saír adiante. A súa nai, costureira, que para axudar á economía familiar pasou a vender o peixe que o seu home traía na chalana e xunto coas peixeiras do cedo chegaba á Portela, en Barro, para vendelo e facer troco, maiormente por patacas ou fariña. Blanca era cociñeira no Polígono, que logo tivo que deixar, e Antonia que tiña 8 anos cando mataron a Carmen e que a nai, atemorizada, quitou da escola sen apenas ler nin escribir. Despois coidaría do fillo de Carmen.

No 1936 Carmen tiña 29 anos e un fillo de solteira de catro anos. Era moi independente e pranchaba e lavaba a roupa dos oficiais do Polígono. Tiña un cuarto alugado no Priorato onde traballaba e vivía co seu fillo. Era republicana e no Polígono regaláronlle un cadro enmarcado dos capitáns Galán e García Hernández que tiña colgado no cuarto; cadro que quedou gardado escondido no faiado coa foto que tiña coa súa irmá Blanca (de onde obtivemos a única foto que compartimos co proxecto Voces e Nomes para recordala tal como era. No lavadoiro do Busto cando ía lavar, cantaba a Internacional como así recordaban as compañeiras que ao seu carón cantaban os cuplés que se levaban daquela.

Foi naqueles días despois do Golpe Militar cando chegou a encararse cos falanxistas que coas súas camionetas percorrían a vila amedrentando á xente co saúdo fascista e saía á porta para berrarlles cando desfilaban pola rúa de O Sol dicíndolles: Que facedes¡¡¡

Aos poucos días fórona buscar a ese cuarto do Priorato. Pola tarde estivera co fillo na casa dos pais e de madrugada chegou abafando a veciña co fillo de catro anos dicindo: Viñeron buscar a Carmen e levárona....

Contaba Gumersinda, súa nai, que foi ela e o seu home ata Bueu, que é onde contaba a xente que estaba; ao chegar alí estaba ela na mesa do cemiterio, morta, tapada cunha saba ensangrentada, sen o anel e os pendentes (que poden ser os que loce na foto que temos dela) e pedíronlles ás autoridades que lla deixaran traer para enterrar en Marín, pero non lles deixaron facer ningún trámite. E alí quedou ata o día de hoxe, no vello cemiterio de Bueu; polo que desde aquí volvemos pedir Verdade, Xustiza e Reparación.

Na lembranza de Carmen, facemos nosas as palabras de Castelao: Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concebir e na miña terra cumprirase a vontade dos mártires.

Foto do acto celebrado pola ARMH de Marín  o pasado 18 de agosto en lembranza de Carmen Pesqueira Domínguez "A Capirota", na praza que leva o seu nome.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

94 ANIVERSARIO II REPÚBLICA

  Aquí unhas fotos dalgúns momentos do acto. Intervención musical de Andrés Pena Intervención de José Luís Pallín Intervención de Aarón Franco

ACTO NACIONAL NA ILLA DE SAN SIMÓN

Imaxes, intervencións e música do acto nacional de lembranza e homenaxe que tivo lugar na Illa de San Simón o pasado 20 de xullo. Preme na imaxe para acceder á intervención de Mariña Paz. Preme na imaxe para acceder á intervención de Xurxo Ayán.