Saltar ao contido principal

POZO DA REVOLTA - SETEMBRO 2023

 

Durante moito tempo as vítimas foron o centro de atención nos estudos sobre a represión franquista, era xusto e necesario que ocupasen o lugar principal na recuperación da memoria e dar a coñecer as súas historias de vida a toda a poboación. Pero no relato histórico hai unha ausencia, un silencio que chama a atención e que é o do nome dos asasinos. Porque non hai vítimas sen verdugos e as persoas que perderon a vida non o fixeron por morte natural ou, como se di ás veces, nunha guerra civil que aquí non tivo fronte de batalla.

Detrás de cada “hemorraxia interna”, de cada “síncope cardiaco”, que constan no rexistro, houbo as balas dunha pistola ou dun fusil, unhas persoas que apertaron o gatillo, outras que decidiron a quen había que eliminar, uns tribunais visibles que asinaron as sentencias ou uns tribunais secretos que decidiron a quen pasear. Houbo tamén unha parte da poboación que delatou, que colaborou ou que mirou para outro lado. Distintos graos de responsabilidade a fin de contas. Diso pedíronme que falara e darei unha visión rápida pero podemos emprazarnos as asociacións presentes a facelo noutra ocasión con máis detemento.

Os crimes sempre deixan pegadas e os que investigamos a represión ás veces damos con elas; son os documentos dos propios sublevados os que testemuñan a mecánica do terror: declaracións dos propios verdugos, denuncias nas loitas internas, alegacións de méritos para ter recompensas, cartas cando caen en desgraza, burocracia penitenciaria...

Hai algo claro: a responsabilidade máxima sempre residiu nos militares golpistas que controlaban todos os resortes do poder, tamén as que poden parecer actuacións descontroladas, que non existiron máis alá de casos puntuais nos primeiros momentos; tratábase, como sempre dicimos, dun descontrol ben controlado.

Centrándonos na represión extraxudicial, temos ben documentado o mecanismo empregado. O máximo nivel de decisión correspondía en cada demarcación (Pontevedra, Vigo) nunha especie de tribunal ou comité encargado de confeccionar os listados. En Pontevedra estaba formado polo comandante xefe accidental da Guardia Civil, Joaquín Velarde Velarde, verdadeiro cerebro da represión na zona, os sucesivos delegados ou subdelegados de orde pública nos primeiros meses (Ricardo Macarrón, tamén gobernador civil e tte coronel, o capitán Eugenio Calderón Montero-Ríos e o comandante Julio Fernández de los Ríos), o xefe efectivo da Garda Cívica e man dereita de Velarde, Víctor Lis Quibén, deputado de Renovación Española. Este sería o núcleo duro e tamén participarían en distinto grao o comandante militar, o auditor militar da zona e o inspector provincial de prisións Fernando Lago Búa (nunha carta logo de condenado a morte confirma, con nomes, o que tiñamos documentado e publicado). Logo de confeccionadas as listas consultábase cos xuíces militares instrutores as posibilidades de que fosen condenados a morte nos xuízos e, no caso de que non fose probable, eran o comandante militar e o gobernador civil (DOP) os que autorizaban o “paseo”.

O xefe de prisións, por orde da superioridade ( os citados Comandancia militar, DOP) enviaba o oficio de entrega dos presos ao cárcere (S. Simón, Normal...) no que estaban detidos e á prisión que os recibiría; o motivo aducido era traslado de cárcere ou interrogatorio. Tamén se comunicaba ao cuartel da G. Civil, que era a encargada de recollelos. Constan documentalmente os recibís que asinaban aos encargados das prisións.

A condución efectuábase baixo o mando da G. Civil, habitualmente dun cabo ou determinados gardas (Jesús Barja, Evaristo Cid, Manuel Araújo, Eugenio Rey...) acompañados por cívicos entre os que destacan Manuel Mirón, Xosé Estévez, “O Chalán”, “Ligero”, Borrajo e algúns falanxistas.  Fusilábanos en determinados lugares e nalgunhas ocasións fondeaban os corpos no mar.

Cando un tribunal militar pedía explicacións sobre o paradeiro dalgún dos presos, o comandante Velarde enviaba un oficio no que se aducía un intento de fuga durante a condución para xustificar a morte ou desaparición. Existen ducias de oficios deste tipo, todos practicamente iguais, agás o nome das vítimas.  Entre as testemuñas que confirman estas actuacións atopamos as declaracións do propio Mirón: “Que el comandante Velarde le dijo: oye Mirón, hay que ir a buscar con una pareja a Alberto Martínez y de este que no quede ni rastro porque sinó ya sabes lo que te pasa, te fusilo"

Na zona de Marín, que como todo o Morrazo, dependía de Pontevedra, o grupo executor tiña unha composición semellante: gardas civís, “cívicos” pero un maior peso da compoñente falanxista dada a personalidade dos seus mandos Bruno Sveiger e Alfonso Temes. Na causa aberta polo asasinato de García Bustos “Santa Comba” aparece un listado cos participantes. A participación da vella garda falanxista nos “paseos”, agás nos primeiros momentos, non é tan importante como a de cívicos e gardas civís; a maioría marchan á fronte e a Junta Provisional de Mando quere evitar que lle atribúan responsabilidades que non son súas. Na circular interna nº5 (29-9-36) insístese co máximo interese en que as operacións de represión se controlen con todo celo “Es menester evitar que sobre la Falange se eche una fama de sangrienta que pueda perjudicarnos en el porvenir” e reitera que non se castigará a ninguén sen orde ditada polas autoridades competentes.

Logo das primeiras semanas, prodúcese unha certa diferenciación de carácter formal na aplicación da represión: as autoridades militares céntranse na represión xudicial, mediante as causas militares e déixase nas mans das delegacións de orde pública (que tamén eran militares) a represión extraxudicial.

Hoxe aquí  temos no noso corazón as vítimas pero tamén debemos ter na memoria os causantes da súa morte. Nestes tempos de negacionismo, manipulación e mentira  así como lle poñemos cara e nome ás vítimas tamén deben telos os asasinos; como dixo a poeta Angelina Gatell nunha estrofa do seu poema “A quien corresponda”:

Y pregunto también los nombres de los asesinos,

aunque los sepa bien, sílaba a sílaba,

pero los quiero dichos en voz alta, a gritos,

no guardados con celo en sus estuches de dorada penumbra.

Intervención de  Xosé Álvarez Castro no Pozo da Revota
24 de setembro de 2023

UN MOMENTO DA ACTUACIÓN MUSICAL DE BOTALLECURRI,

QUE NOS ACOMPAÑOU NA CELEBRACIÓN DESTE ACTO DE LEMBRANZA E HOMENAXE


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.