Saltar ao contido principal

93 ANIVERSARIO DA II REPÚBLICA

 

Abre o acto a presidenta da ARMH de Marín, Enriqueta Otero:

" En primeiro lugar imos recordar neste 93 aniversario da República a Umbelina Briones López, que hoxe estaría aquí connosco celebrando este acto como acostumaba facelo cada 14 de abril e acompañándonos nos actos da Memoria, da que ela foi fiel testemuña ao longo da súa dilatada vida. Lembramos tamén a Chelo Santos Alfonso, que dun xeito inesperado nun puido chegar ata este día para estar coa lealdade que sempre amosou coa Memoria de Marín. A nosa gratitude para ámbalas dúas e con elas recordemos agora aquel 14 de abril de 1931, cando ás sete da tarde se organiza unha gran manifestación na Rúa do Sol, para proclamar a República en Marín.

Iníciase a manifestación coa bandeira republicana ao fronte. Escoltada polas bandeiras das sociedades obreiras unha impoñente multitude dirixiuse á Ponte da Liberdade e percorreu seguidamente as principais rúas da vila, chegando ata Cantodarea e Estribela. Ao fronte ían os presidentes e dirixentes do Centro Republicano local e Sociedades Obreiras; a Banda Municipal de Música ao son da Marsellesa, coreada polo público, percorre o itinerario sinalado rematando no Pazo Municipal onde, en presenza do alcalde, foi izada a bandeira republicana entre os entusiastas aplausos. O señor Agustín Rey dirixiu a palabra aos manifestantes para expresar o significaba a proclamación da República no que respeta á orde, a xustiza e a liberdade, sendo moi aplaudido.

O presidente do Centro Republicano, Gonzalo Martín March, que asumiu a representación da alcaldía mentres non foi designada a nova corporación, pediu non arriar a bandeira sen antes defendela apaixonadamente. 

Hoxe lembramos ese período da nosa historia e aos homes e mulleres que xunto a Agustín Rey, José Muíños Touza e Antonio Blanco Solla defenderon a República. Tralo golpe militar, Martín March foi executado en Ourense en setembro de 1936, Agustín Rey marcha de Marín despois de expropiárenlle os seus bens e Antonio Blanco foi executado en Pontevedra o 31 de decembro, tamén en 1936.

Para eles e para quen sufríu a represión, o noso recordo e admiración. Sempre na nosa memoria! Viva a República!".

Intervención de Xulio Pardellas: 
" No contexto político que vivimos nestes días non está de máis recordar algúns dos cambios máis relevantes que trouxo a II República para a sociedade española:
- A reforma agraria, para expropiar latifundios improdutivos e subir os salarios dos traballadores do campo.
- O impulso á educación pública, pasando de 30.000 a 50.000 mestres, duplicando o número de institutos de secundaria e creando as Misións Pedagóxicas.
- Establecemento dun Estado Laico.
- Decreto de vacacións pagadas para tódolos traballadores.
- Establecemento do voto feminino e de tódolos dereitos para as mulleres.
Pero a dereita sempre tivo certos problemas coa memoria. Non é novidade, como tampouco o é que lles custe chamar ditadura aos 40 anos no que o franquismo tivo sometido a este país. O problema, lonxe de minorar, vai a máis proque o Partido Popular conta agora cun compañeiro de viaxe, Vox, negacionista da historia.
Cómpre subliñar a mal chamada proposición de lei de concordia de Castela e León, que non é a primeira: chegaron antes as de Aragón e a Comunidade Valenciana. Todas elas buscan derogar a memoria democrática, sen mencionar as palabras Golpe de Estado e Ditadura nin unha soa vez. Só aluden ao franquismo nunha ocasión e é para acentuar que non hai consenso histórico sobre el _o que é falso_ á vez que equiparan tódolos períodos desde 1931 ata o de agora, igualando democracia e ditadura.
Ademais, estas leis de falsa concordia dificultan ou impiden que os familiares dos desaparecidos encontren aos seus seres queridos. Hai que ter en conta que España é o segundo país do mundo, detrás de Camboia, con máis desparecidos en fosas comúns. Todo este contido lexislativo pretende que se esqueza o que foi o Golpe de Estado que asestou Franco ao sistema democrático da II República e que ocasionou a Guerra Civil.
Non o esquezamos."

Familiares de Umbelina Briones López e Chelo Santos depositan flores ante a Pedra da Liberdade






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

94 ANIVERSARIO II REPÚBLICA

  Aquí unhas fotos dalgúns momentos do acto. Intervención musical de Andrés Pena Intervención de José Luís Pallín Intervención de Aarón Franco

PREMIO MÁRTIRES DA LIBERDADE 2024

O pasado 16 de novembro na Casa de Cultura de Carral, Enriqueta Otero Farto, presidenta da ARMH de Marín, recibía o premio Mártires da Liberdade 2024, que cada ano otorga a Asociación Abril de Lume e Ferro.  Enriqueta Otero, en nome da ARMH de Marín, fai entrega dun dossier con reproducións de obras do pintor marinense Manuel Torres a Asociación Abril de Lume e Ferro.