Saltar ao contido principal

RÚA EN MEMORIA DE CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ "A CAPIROTA"

Marín, 18 de agosto de 2018



"Hoxe é un día para falar da verdade, facer reparación e xustiza como ven pedindo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín dende a súa constitución no noso concello, e xa van alá preto de vinte anos.Polo tanto, celebramos que a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego fora acollida por tódolos grupos políticos que forman a corporación municipal. Podemos dicir que o pobo de Marín é o que restitúe na figura de Carmen Pesqueira Domínguez o triunfo da liberdade que ela pensaba que tiña para expresar as súas ideas ou encararse cos que naqueles días andaban a meter medo na xente. Medo en Bueu, onde deixaron o corpo de Carmen no vello cemiterio onde segue a día de hoxe, xa que non permitiron que os pais puidesen levar de alí a súa filla. Medo en Cangas, onde foron buscar a Dolores Blanco Rodal que ferida puido escapar polo monte e dar testemuño dos feitos. Medo en Pontevedra, onde o día antes acabaran con Alexandre Bóveda. Como nos dixo Xosé Luís Méndez Ferrín, o primeiro que reclamou unha rúa en Marín para Carmen:


A ira entrou polo pobo, lenta como unha larva
e fíxose, ao socato, bolboreta de terror.
No pobo, o terror.



A bisneta de Carmen Pesqueira Domínguez e a neta de
Dolores Blanco Rodal fúndense nunha emotiva aperta
Non escolleron ao chou; Carmen viña dunha familia traballadora e moi numerosa, e coa ousadía de querer saír adiante co seu fillo só co seu traballo de muller emprendedora.
A súa nai, que fora costureira na xuventude, tamén traballou na colla do carbón e mesmo naqueles días de agosto do 36 fora chamada a declarar pola súa pertenza ao sindicato UXT, do que fora nomeada delegada recentemente polas súas compañeiras de traballo.
Despois dos feitos, Gumersinda, que así se chamaba a nai, traballou arreo vendendo o peixe que pescaba o seu home na chalana, chegando ao concello de Barro con outras peixeiras de Marín, onde as lembran como "as peixeiras do cedo", porque aparecían na mañanciña antes de saír o sol.

Foi tanto o medo que a irmá pequena de Carmen, con oito anos, tivo que deixar a escola por se lle podían facer algo e había que axudar a coidar do fillo da súa irmá, que quedaba con catro anos. Seguen anos de falar baixiño e esquecemento.


Chegado o tempo de falar, xa no 2008 e co proxecto Nomes, Voces e Lugares, conseguimos sinalar o Pozo da Revolta como Lugar de Memoria, pero hoxe despois de 82 anos faise xustiza á ignominia do que representou a súa morte.
Esta placa co seu nome será a homenaxe que lle renden as veciñas e veciños que non esqueceron, chegado o momento en que a súa voz reivindicativa é a mesma que hoxe esixe respecto e dereitos en todo o mundo".
Queta Otero, presidenta da ARMH de Marín
18 de agosto de 2018



A profesora Rexina Vega reclamou, na súa intervención, a boa memoria das mulleres valentes e xustas: "Carmen Pesqueira, a Capirota, moza guapa, nai dese filliño de catro anos que levas pegado ás túas saias; aquí te recordamos, somos ti, formas parte da nosa historia, alimentas o noso futuro; nos, as fillas, as netas, as bisnetas das mulleres da República, das mulleres valentes que non se abaixan, non!, ante a barbarie, vimos honrar aquí a unha muller xusta, a unha muller boa, a unha muller chea de compaixón polo próximo, unha muller forte; o teu crime, Carme, foi apiadarte, foi situarte do lado dos débiles (...); criminais!, berraches; criminais!, berramos nos tamén agora, 82 agostos despois".

Miriam Lorenzo Pesqueira emocionounos coas súas palabras en lembranza da súa bisavoa Carmen: "Recordo falar desde sempre na miña casa da miña bisavoa como unha persoa moi independente, moi loitadora, moi traballadora, sempre loitando polos dereitos da muller.
As preguntas na miña casa nunca tiñan resposta, nunca había un porqué. Aínda de vello, cando a meu avó lle preguntabamos sufría, sentía dor, porque nunca encontraba unha resposta. Vouvos decir a todos, que meu avó quería moito a súa nai, non sabía o porqué, non encontraba unha explicación.
Hoxe en día, a familia sinte que a miña bisavoa non quedou no olvido. 
Hoxe, Carmen Pesqueira Domínguez, por ti, por min, e por todas nos...GRAZAS!"




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.