Saltar ao contido principal

18 de agosto de 2019 | Acto de homenaxe a Carmen Pesqueira "A Capirota" na praza que leva o seu nome.

O pasado 18 de agosto lembramos a Carmen Pesqueira Domínguez "A Capirota", na praza que leva o seu nome.

 
Queta Otero, a presidenta da asociación, presentou o acto: 

"Cúmprese hoxe un ano en que o pobo de Marín restitúe co nome desta praza de Carmen Pesqueira Domínguez o recoñecemento a unha muller que levantou a súa voz contra os que naqueles días de agosto andaban a meter medo na xente levando a cabo un plan estratéxico para aniquilar á clase traballadora ,non foi un feito illado senón contra as persoas que defenderon as ideas republicanas .


Neste 18 de agosto recordamos a Carmen,asasinada, privada da súa vida para escarmento das que ousaran levantarse aínda que só fora coa súa voz contra o novo réxime implantado polos militares golpistas. Esa mesma noite foron buscar a Cangas a Dolores Blanco Montes e as dúas compartiron a tráxica viaxe ata o Pozo da Revolta e aínda que Lola puido saír con vida fuxindo polo monte a súa vida foi un inferno pola brutal represión contra ela e a súa familia.


As Asociacións de Memoria levamos anos pedindo que a impunidade dea paso á xustiza e recordar que o dereito á verdade e a reparación que esixen as vítimas é un deber moral da democracia española. Recuperar a Memoria é un acto complexo e doloroso pero necesario para seguir adiante.Os estados teñen o deber de preservar a memoria dos crimes contra dos dereitos humanos. 


So así será posible construir un mundo novo no presente tendo en conta o pasado ausente pero non esquecido porque nós seguiremos a esixir Reparación, mentres as condenas continúen vixentes a pesar da recomendación da ONU de actuar e retirar a Lei de Amnistía; Verdade, desclasificando todos os arquivos porque sen eles non hai Memoria e sen Memoria non hai Historia.


Queremos agradecer a Manuel Graña que dende a Coruña está hoxe con nós para compartir este poema para Carmen, a Lucía e a Nee e a todas e todos vós. Moitas grazas."









      



Manolo Graña le o seu poema adicado a Carmen Pesqueira
Foto: Julio Santos
Carmen, A Capirota,
tocouche vivir nun tempo de tronos,
fartácheste de traballar
e por mais que lavaches e lavaches
para señoritos insatisfeitos,
non te libraches da súa brutalidade,
a túa condición de muller solidaria
levoute a sufrir a súa atrocidade.
O pozo da Revolta recolleu o teu corpo
despois do horror,
e neste lugar
floreceron mil rosas vermellas,
mil paxaros anunciaron a túa valentía,
e toda a ría foi testemuña
da dor e do valor dunha muller.
(Manolo Graña)

Nee Barros lembra a vida e valentía da Capirota
Foto: Julio Santos
Chamábase Carmen Pesqueira Domínguez, pero chamábana A Capirota. Chamábana A Capirota e o seu nome aínda está escrito con tinta vermella na lembranza do noso pobo, de nós, os que non nos dignamos a esquecela e non queremos esquecela. 

Chamábana a Capirota pero era coñecida por ser nai solteira dun rapaz ao que mantiña a base de moita suor e traballo, lavando roupa allea, de relixiosos e familias podentes. 
Cando non ía ao carbón ou ao peirao, lavaba roupa allea debaixo dunha ponte, cantando e loitando por manterse a flote entre auga, xabón e prendas, nunha época na que ser alguén coma ela era suficiente motivo como para rematar afogado en vida. 

Tan bonita e tan… nai solteira, tan libre, algúns dicían que ata republicana. Si, era fermosa, pero o fermoso nela ía máis aló da aparencia: gardaba unha refulxencia que non desapareceu nin no seu solpor, nin no intre mesmo no que a obrigaron a apagarse, nese preciso intre no que comezou outra das mil e unha (ou moitas máis) desgrazas que inzan a nosa historia. 

Esa refulxencia foi a que a levou a berrarlles a uns falanxistas, en pleno agosto de 1936, criminais. Si, criminais, con todas as súas vogais e consoantes. Si, criminais porque estaban a mallar nun home no medio e medio da, naquel momento deserta, Rúa da Ponte. Berróullelo dende a súa voz de muller, de nai solteira e, sobre todo, de persoa que defendía os dereitos dos humildes. E esa mesma voz dende a que lle lo berrou foi a que o criminal nazi coñecido como O Alemán (Bruno Schweiger) e o resto dos seus compañeiros recibiron. Esa voz que levaba con ela centos de silencios, e que non podían permitir que seguise berrando. 

Aquela mesma noite capturárona, golpeárona, torturárona, violárona e asasinárona no Pozo da Revolta. E isto non precisa de metáforas para ser contado, nin de eufemismos ou rimas: porque a verdade, do único que precisa é de xustiza. Cortáronlle os peitos e pasearon o seu cadáver por Bueu, para ensinarlle ao pobo en cuxo nome berrara o que lles podería pasar se seguían o seu exemplo. 

Remataron tirándoa nunha rúa. Abandonando o seu inerte corpo, que seguía a ser, agora dolorosamente, fermoso. Fermoso porque os falanxistas non estiveron moi trabucados ao deixar constancia da causa da súa morte, causa que aínda nós hoxe levamos enriba cada vez que a lembramos: “morta a causa dunha ferida no corazón”.
(Nee Barros)

                                
Fotos: Julio Santos

A voz de Lucía César e a intervención da bisneta de Carmen Pesqueira, enmarcaron o emotivo acto.

Foto: Julio Santos






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

94 ANIVERSARIO II REPÚBLICA

  Aquí unhas fotos dalgúns momentos do acto. Intervención musical de Andrés Pena Intervención de José Luís Pallín Intervención de Aarón Franco

PREMIO MÁRTIRES DA LIBERDADE 2024

O pasado 16 de novembro na Casa de Cultura de Carral, Enriqueta Otero Farto, presidenta da ARMH de Marín, recibía o premio Mártires da Liberdade 2024, que cada ano otorga a Asociación Abril de Lume e Ferro.  Enriqueta Otero, en nome da ARMH de Marín, fai entrega dun dossier con reproducións de obras do pintor marinense Manuel Torres a Asociación Abril de Lume e Ferro.