Saltar ao contido principal

20 de abril, 19 horas - Biblioteca Pública Municipal - Presentación do libro Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937” do investigador marinense Sergio Balchada Outeiral.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e o Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, da man da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, presentará o mércores 20 de abril o libro Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937”  do investigador oriundo de Marín, Sergio Balchada Outeiral.

O acto será as sete da tarde no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal de Marín (Avenida de Ourense s/n). A maiores da presenza do autor que disertará sobre o seu traballo de investigación, participarán a deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, e o secretario da asociación marinense, Tino Iglesias.

Sergio Balchada, Satxa, como historiador e investigador ten numerosos artigos publicados nas revistas Luzes, Aztarna (Revista da Asociación do mesmo nome de Etnografía e Difusión do Alto Nervión), Estibaus (Boletín de Altzako Historia Mintegia) e en Nós Diario.

Dende o ano 2014 publica o blog elgajedeloficio.wordpress.com con varios apartados: Idade Media, Idade Moderna, Guerra Civil Española, cine, ... Satxa tamén é guionista e actor de cine. A modo de exemplo podemos citar a longametraxe Baile en el sindicato ambientada no frente de Álava na Guerra Civil. Tendes un enlace no blog dentro do apartado de cine.

 

“Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937 recolle e divulga a presenza de milicianos galegos no “Euskadiko Gudarostea” (Exército de Euskadi). Esta presenza non foi anecdótica e podería superar os dous mil efectivos, en base aos datos obtidos na investigación de Balchada Outeiral. No libro atopamos un apéndice cunha lista de 997 galegos identificados en documentación obtida en distintos arquivos. De eles temos que cerca do 11%, un total de 106, son veciños de Marín e as súas distintas parroquias. Aos xa coñecidos por todas e todos nós como son Emiliano Manduca Rosales Davila, os irmáns Manuel e Antonio Aguete Lino ou os irmáns Antonio, Gerardo, José e Manuel “Muchiquín” Lobeira Rodríguez, temos que sumar 99 nomes adicionais.

Verdadeiramente este libro é un claro exemplo da tremenda importancia do traballo dos investigadores, de que hai que seguir mellorando o acceso aos distintos arquivos (a día de hoxe persisten certos atrancos) e que as administracións e a sociedade civil temos que seguir apoiando a saída a luz e a publicación de ditas investigacións.





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.