Saltar ao contido principal

10 de agosto de 2022 - Presentación en Seixo do libro Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937” do investigador marinense Sergio Balchada Outeiral “Satxa”.

 


A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, presentará o mércores 10 de agosto o libro “Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937”  do investigador oriundo de Marín, Sergio Balchada Outeiral.

 

O acto será as oito da tarde no salón de actos da Casa de Cultura de Seixo (Rúa Ángel Araujo Escribano 8 - Seixo - 36913 Marín). Contaremos coa presenza do autor que disertará sobre o seu traballo de investigación.


Sergio Balchada, Satxa, como historiador e investigador ten numerosos artigos publicados nas revistas Luzes, Aztarna (Revista da Asociación do mesmo nome de Etnografía e Difusión do Alto Nervión), Estibaus (Boletín de Altzako Historia Mintegia) e en Nós Diario.

Dende o ano 2014 publica o blog elgajedeloficio.wordpress.com con varios apartados: Idade Media, Idade Moderna, Guerra Civil Española, cine, ... Satxa tamén é guionista e actor de cine. A modo de exemplo podemos citar a longametraxe Baile en el sindicato ambientada no frente de Álava na Guerra Civil. Tendes un enlace no blog dentro do apartado de cine.

 

“Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937” recolle e divulga a presenza de milicianos galegos no “Euskadiko Gudarostea” (Exército de Euskadi). Esta presenza non foi anecdótica e podería superar os dous mil efectivos, en base aos datos obtidos na investigación de Balchada Outeiral. No libro atopamos un apéndice cunha lista de 997 galegos identificados en documentación obtida en distintos arquivos. De eles temos que cerca do 11%, un total de 106, son veciños de Marín e as súas distintas parroquias. Aos xa coñecidos por todas e todos nós como son Emiliano Manduca Rosales Davila, os irmáns Manuel e Antonio Aguete Lino ou os irmáns Antonio, Gerardo, José e Manuel “Muchiquín” Lobeira Rodríguez, temos que sumar 99 nomes adicionais de diversos lugares marinenses: Aguete, Ardán, Bagüín, Cantodarea, Castro, Coirados, Loira, Mogor, O Campo, Piñeiro, San Xián, Seixo, ... e que loitaron, entre outras agrupacións no batallón CNT 1 Bakunin, no batallón CNT 6 Celta ou na Mariña Auxiliar de Euzkadi.

Verdadeiramente este libro é un claro exemplo da tremenda importancia do traballo dos investigadores, de que hai que seguir mellorando o acceso aos distintos arquivos (a día de hoxe persisten certos atrancos) e que as administracións e a sociedade civil temos que seguir apoiando a saída a luz e a publicación de ditas investigacións.




Entrevista en IREKI GAIOLA: Os galegos no exército de Euskadi con Sergio Balchada

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Lugares de Memoria en Marín

  LUGARES DE MEMORIA EN MARÍN Cemiterio da Raña O sábado 23 de decembro de 2017, tras máis de ano e medio de xestións administrativas, a ARMH Marín levou a bo porto a instalación dunha placa no muro exterior da Raña, para sinlar este lugar como escenario da represión. Entre diversos sucesos acaecidos no lugar, está na memoria colectiva un especialmente tráxico do 7 de decembro de 1936 cando apareceron os corpos dos veciños da vila irmá de Bueu dos concelleiros Francisco Escáneo Franco e Francisco García Villanueva, así como os dos direxentes obreiros Jacinto Lamosa Novas, José Seixas Camiña e Julio Castro Martínez, brutalmente asasinados nas inmediacións co cemiterio. Sumouse a este acto a Asociación Amigos de Johan Carballeira, de Bueu.  Coordenadas   ****************************************************** Cruz da Maceira PO-313 punto kilométrico 8,6 Marín - Moaña (O Con) Coordenadas Paseo "Alcalde Antonio Blanco" Pozo da Revolta Bagüín 23 - Marín (36911 Pontevedra)...

PREMIO MÁRTIRES DA LIBERDADE 2024

O pasado 16 de novembro na Casa de Cultura de Carral, Enriqueta Otero Farto, presidenta da ARMH de Marín, recibía o premio Mártires da Liberdade 2024, que cada ano otorga a Asociación Abril de Lume e Ferro.  Enriqueta Otero, en nome da ARMH de Marín, fai entrega dun dossier con reproducións de obras do pintor marinense Manuel Torres a Asociación Abril de Lume e Ferro.

93 ANIVERSARIO DA II REPÚBLICA

  Abre o acto a presidenta da ARMH de Marín, Enriqueta Otero: " En primeiro lugar imos recordar neste 93 aniversario da República a Umbelina Briones López, que hoxe estaría aquí connosco celebrando este acto como acostumaba facelo cada 14 de abril e acompañándonos nos actos da Memoria, da que ela foi fiel testemuña ao longo da súa dilatada vida. Lembramos tamén a Chelo Santos Alfonso, que dun xeito inesperado nun puido chegar ata este día para estar coa lealdade que sempre amosou coa Memoria de Marín. A nosa gratitude para ámbalas dúas e con elas recordemos agora aquel 14 de abril de 1931, cando ás sete da tarde se organiza unha gran manifestación na Rúa do Sol, para proclamar a República en Marín. Iníciase a manifestación coa bandeira republicana ao fronte. Escoltada polas bandeiras das sociedades obreiras unha impoñente multitude dirixiuse á Ponte da Liberdade e percorreu seguidamente as principais rúas da vila, chegando ata Cantodarea e Estribela. Ao fronte ían os presidentes e...