Saltar ao contido principal

31 DE DECEMBRO - ACTO DE LEMBRANZA NO PASEO ALCALDE ANTONIO BLANCO

Deixamos aquí imaxes e algún vídeo das intervencións no acto celebrado o pasado 31 de decembro no Paseo Alcalde Antonio Blanco.










FORON CINCUENTA ANOS DE AMOR, PERO EN SILENCIO. 

NUNCA VOS ESQUECEREMOS

Esta frase é do 12 de novembro de 1986, cando se cumprían cincuenta anos do golpe de estado xenocida que sementou o terror.

A frase encabezaba unha nota necrolóxica que a familia de Luis Poza e Jose Adrio publicaran en prensa no aniversario dos seus fusilamentos. Aquela noite en Pontevedra foran asasinadas dez persoas. Todos tiñan en común ter sido incluídas no grupo que os golpistas consideraban necesario exterminar.

Os que chamaron “rojos”.

Lonxe do bolchevismo e o judeomasónico, o que tiñan en común, o que facía preciso que estes foran exterminados era a defensa da fraternidade, da liberdade, da igualdade.

Da democracia.

Os sublevados, os golpistas, querían que o réxime instaurado perdurase, e para iso a aniquilación deles era precisa. Tamén dos seis  veciños de Marín que, pouco máis dun mes despois, o 31 de decembro do 36 foron fusilados en Pontevedra e que hoxe nos reúne aquí. A Antonio, a Albino, Bernardino, a Demetrio, a Amando e a Santiago, tamén se lle dedicou unha nota necrolóxica trala morte de Franco e co inicio da Transición.

Foi un 31 de decembro de 1977.

Encabezábaa Antonio Blanco, o máximo representante dos marinenses, alcalde da vila, e “demáis compañeiros fusilados por defender a liberdade e a democracia”.  Asinaba o PSOE, a UXT e as Xuventudes Socialistas.

Daquela, como hoxe aquí, chamábase á veciñanza de Marín a acudir a homenaxe póstuma que se lles realizaría no cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, coa colocación dun ramo de flores. Faríase diante da súa tumba simbólica. Grazas á fotografía que conservamos daquela, sabemos que alí estiveron os familiares dos fusilados, coma hoxe aquí, e que se reuniron fronte ao panteón da familia Arruti. A tumba simbólica. A solidariedade desta muller, Josefa Arruti, fixo que parte dos fusilados aquel día, e outros, foran enterrados no seu panteón, librándoos do desamparo da terra anónima, do esquecemento.

Foron anos de amor, pero en silencio.

Un silencio que se rompeu aquel 31 de decembro de 1977 en San Amaro.

O mesmo ano 1977 promulgábase a lei de amnistía. Unha lei que amnistiou os crimes non xulgados dos xenocidas. Que igualou os crimes destes e daqueles que loitaron contra o réxime fascista. Unha lei que consagraba o silencio, que o sacralizaba, que o facía norma, suposto piar desta democracia. Pero fronte a ela, fronte á negación do xenocidio que continúa presente no estado español, houbo moitos que non se resignaron ao silencio. Que alzaron a voz, o seu amor,  e xa nunca máis pararon.

Estamos hoxe aquí neste paseo que leva o nome do alcalde fusilado, grazas a pulsión da Asociación pola Recuperación Histórica de Marín, que non cesa en rachar con ese silencio. En homenaxear a quen “defenderon a liberdade”.

E é importante salientar que esa defensa, pola que foron brutalmente asasinados, non foi unha defensa armada, porque eles non eran soldados.  Non houbo batalla, non houbo bando no que tiveran que loitar entre trincheiras. A eles asasináronos, extermináronos lonxe da fronte, nun proceso ben diferente ao dunha simple contenda bélica.

O termo “guerra” que ben serve para ocultar atrocidades! 

Intervención de Iria Morgade Valcárcel - Paseo Alcalde Antonio Blanco - 31 de decembro de 2023


Comentarios

Publicacións populares deste blog

SAN SIMÓN - ILLA DA MEMORIA

Como cada mes de xullo, volvemos á illa de San Simón para xuntarnos no acto anual de lembranza, homenaxe e reivindicación de XUSTIZA, VERDADE E REPARACIÓN. Nesta ocasión, tendo como eixe a solicitude de recoñecemento deste espazo como Lugar de Memoria, eliminando así a anomalía histórica na que se atopa, pola absoluta desidia e deixadez de funcións de administracións e do goberno da Xunta de Galicia. Deixamos aquí as intervencións de Iria Morgade Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Pilar López Vera, en representación de familiares de presos de Andalucía, e Guillerme Pérez, que deu lectura ao manifesto da Iniciativa Galega pola Memoria.

ACTO ANUAL DE HOMENAXE A CARMEN PESQUEIRA DOMÍNGUEZ, A CAPIROTA

O domingo, día 18 de agosto, reunímonos na Praza de Carmen Pesqueira Domínguez, A Capirota, para rendirlle xusta homenaxe.